OS NOSOS COMEZOS

Fundada a principios de 1963 por Manuel Martínez Carballal e Casimiro Rosende Rial, comeza a súa andaina como distribuidor dos productos Zeltia, así como doutras referencias de droguería complementarias. O local atópase situado no lugar de “O Sol” na parroquia vedrense de Santa Cruz de Ribadulla, daí o nome comercial da firma.

 

O labor de captación de clientes e asesoramento en plantacións de pradeiras e diversos cultivos, por parte de Manuel Martínez Carballal, propicia a obtención dunha nova representación, a da prestixiosa e punteira casa Fertiberia, que posibilita a oferta de fertilizantes complexos, descoñecidos ata ese momento na bisbarra. A finais dos 60, comeza a distribuir e vender tubería de polietileno Hidrotubo e posteriormente Saiplén, que xunto coas primeiras electrobombas para pozos artesáns, supoñen os primeiros e firmes pasos no sector.

HISTORIA

SEGUIMOS AVANZANDO COA FIRMEZA QUE NOS CONFIREN A EXPERIENCIA E A PROFESIONALIDADE

UN REFERENTE NA BISBARRA

Logo de nove anos de traballo, no 1972, sepárase a sociedade, continuando co comercio Manuel. Amplía o sector da ferretería, agora cun novo socio capitalista, Francisco Carrillo Barros. Ano tras ano, e con Carmen Carrillo Bascoy, a súa dona, encargada da distribución, van gañando confianza e prestixio no trato e asesoramento, afianzándose coma un negocio de referencia na bisbarra, xunto coa ferretería Rey Buela (Balboa) pioneiras na contorna.

Alá polo 1976, adquírense uns terreos para o seu posterior desmonte e construcción da nova tenda no lugar de Galegos, ubicación esta, mellor situada, na estrada nacional 525. As novas instalacións, son inauguradas en 1979, e incorpóranse os materiais de construcción como novas referencias de ventas.

Finalmente, no 1981, despois de dous anos de convivencia, as instalacións novas de Galegos pasan a ser as únicas de atención ao público, permanecendo as do Sol como almacén regulador. Seguen anos de cambios e ampliacións, como o da colaboración con David Martíns, recoñecido instalador da zona, para poder cubrir sectores innovadores para a época, como os convectores de aluminio ou as primeiras instalacións de enerxía solar térmica.

PORCELANOSA

 A finais desta década, obtense a representación da punteira e prestixiosa casa de cerámicas Porcelanosa, o que virá a dar un novo pulo á empresa e á súa sección de materiais de construcción, co que permite afrontar no 1993 outra ampliación, cunha renovada exposición e coa entrada do fillo menor, Manuel Martínez Carrillo, que ven a fornecer a xa existente rama de fontanería e calefacción, achéganse ao fin do milenio con renovadas forzas para afrontar este novo reto.

EMPRESA FAMILIAR

No 2001, este último, recolle o relevo da empresa familiar e recibe a xerencia do negocio ata o día de hoxe, sempre co asesoramento que dan os anos e a experiencia de seus pais.

 

En 2008, Ferretería El Sol, entra a formar parte como socio da rede de distribución profesional, Unifersa, o que supón un novo pulo e o despegue de novas seccións como as de suministro industrial ou a da protección laboral.

UN COVO NO CAMIÑO

En outubro de 2014, falece Manuel Martínez Carballal, fundador da empresa, querido e respectado por todos, veciños e compañeiros do sector. Na actualidade, despois de máis de 50 anos da fundación da empresa, continuamos co noso labor de distribución de primeiras marcas e oferta de calidade e prestixio, abandeirados da nosa filosofía como empresa familiar, onde o cliente, a súa atención e necesidades marcan o noso camiño.

SÍGUENOS

IDIOMA

es

gal

CHÁMANOS

Política de Privacidade